O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolle este xoves día 30 de Xaneiro a presentación dos viños Vel’ Uveyra Mencía 2012 e Vel’ Uveyra Godello.
Viños aplaudidos pola crítica especializada e que contan xa con numerosos galardóns. O último recoñecemento chegoulle a pasada semana, o martes día 21, na XXIII edición do Concurso “La Nariz de Oro”, celebrado no Hostal dos Reyes Católicos en Santiago de Compostela. Neste mítico concurso que premia o sumiller capaz de distinguir un viño nunha copa negra guiado só polo seu olfacto, os profesionais participantes elexiron os viños que pasan a “Final Nacional de los Mejores Vinos de España”, que se celebrará no mes de xuño en Madrid. Vel’ Uveyra Mencía foi un dos 13 viños clasificados para esta final na categoría de mellores tintos con máis de nove meses de Crianza.
O viño Vel’ Uveyra foi tamén premio Excelencia Cervim 2013 no 21º Concurso Internacional de Viños de Montaña celebrado en Aosta o pasado verán. Un premio que se outorga á adega que obtén o mellor resultado calculando a suma das puntuacións máis altas referidas a 3 viños inscritos en 3 categorías diferentes. A adega elaboradora destes viños, Ronsel do Sil, acadou por elo o Premio Excelencia Cervim sendo o Vel’Uveyra Mencía o mellor puntuado.
A adega Ronsel do Sil está situada nunha paraxe case deshabitada do concello ourensán de Parada de Sil. Pertence a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Subzona de Ribeiras de Sil. Ronsel do Sil é unha sociedade fundada no 2010 co obxetivo de elaborar viños de alta calidade apostando pola viticultura tradicional respetando a paixase e a cultura do Viño que hai na Ribeira Sacra. Tratan de trasladar á botella viticultura ligada á terra cunha mínima intervención. O resultado son viños frutais de gran viveza e frescura, expresivos e equilibrados.
De presentar estes viños encargarase, en representación da adega, María José Yravedra, unha arquitecta madrileña que coa posta en marcha deste proxecto vitícola convertiu en realidade un sono que levaba anos perseguindo. Delo falará este xoves día 30 de Xaneiro na Vinoteca do Centro do Viño da Ribeira Sacra a partir das 20:00 horas. Unha boa ocasión para degustar e coñecer algo máis destes premiados viños.