Viño e poesía.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolle este xoves día 31 de Xullo as 8:30 da tarde a presentación do libro de poemas “No ahogar pescado ni comerlo sentimentalmente” da poetisa Patricia Meira. Dan título ao libro versos do último poema que recolle esta publicación que ten en total 37 composicións.

 

O libro, ilustrado por Edson Fernández, está editado pola Editorial Elvira. Afeccionada á poesía dende cativa, é o primeiro poemario que publica esta Monfortina asentada en Vigo, onde exerce de educadora social. Amante do teatro, escribe e dirixe os seus propios guións e traballa na posta en marcha dunha compañía teatral. As súas inquedanzas poéticas levárona tamén a integrarse no colectivo literario “Formas Difusas”.

No acto de presentación do libro Patricia Meira recitará algúns dos seus poemas e estará acompañada por Sonia González e o editor do libro Javier Romero.

Anuncios

II Edición dos Sábados Artesáns no Centro do Viño da Ribeira Sacra.

Todos os sábados do mes de agosto no Claustro do Centro do Viño realizaránse demostracións de artesanía en vivo. Demostracións abertas ao público e gratuítas que se desenvolverán en horario de maña de 11 a 14:00 horas. As persoas que se acheguen poderán ver como os artesáns desenvolven as súas actividades e mesmo nalgúns casos practicar as técnicas correspondentes coa axuda dos profesionais.

Haberá demostracións en directo de distintas disciplinas artesás: téxtil, madeira, cerámica, cestaría e coiro. En total participaran unha dúcia de artesáns, moitos deles da Ribeira Sacra e o resto de outros puntos da provincia.  A iniciativa foi presentada pola deputada Regina Polin, en representación da Deputación Provincial de Lugo e do Centro de Artesanía e Deseño, que coordina a actividade, a concelleira de cultura do Concello de Monforte Pilar López, María José Vila, presidenta da Asociación de Artesáns Terra de Lemos, e José Ramón Martínez en representación de Rutas Sacras, a empresa xestora do Centro do Viño.

A primeira xornada de actividade será o día 2 de agosto. Será un obradoiro téxtil e participarán  Dolores López Vázquez, Pilar Rodríguez Gonda, Susana Ares Rosende e María José Vila González; especialistas, respectivamente, en pintura en tea, lá, bordado creativo e encaixe de bolillos.

O programa continúa o sábado 9, cunha talla en madeira en vivo levada a cabo por Mónica Rodríguez Vázquez e José Luis García Moreira. O sábado 16, será a quenda dos artesáns da cerámica: Amparo Scrich Albentosa e Otilia Arias. A cestaría será o campo no que versa a xornada do sábado 23, cuxa exhibición que correrá a cargo de Lola Tourón e María Otero. Pechará esta convocatoria, a disciplina do coiro, o sábado 30 de agosto, a mans de Fernando Peña Novo e José Ramón LLeó.

O Centro do Viño promove unha charla sobre os recursos turísticos da Ribeira Sacra mentres arranca satisfactoriamente o verán.

O Centro do Viño segue contribuindo a posta en valor do patrimonio cultural da Ribeira Sacra organizando periódicamente charlas que axuden a ampliar o coñecemento da riqueza que agocha este espazo xeográfico. Con este fin, este próximo martes día 15 de Xullo as 5:30 da tarde, organizamos unha charla, en colaboración coa Delegación Sur da Asociación Provincial de Hosteleria e do CCU, especialmente pensada para xente que traballa no sector da hosteleria e a restauración, para o sector do comercio e outros sectores que estan relacionados co turismo, como o propio sector vitícola.

As responsables da empresa “Máis que Románico” María Abuín e Beatriz Pérez, ademáis de presentar as rutas que elas guían en varios concellos da zona, falarán tamén de recursos turísticos que pode atopar o turista que se achega a Ribeira Sacra. A que lugares podemos derivar a esa xente que nos visita para un mellor coñecemento dos lugares de interese do entorno e outras actividades nas que poidan participar e que contribuian a facilitar que os turistas amplíen a súa estanza por estas terras.

el centro del vino 4

 

A medida que avanzamos no mes de xullo váise incrementando o número de visitantes. Nos 11 primeiros días deste mes, pasaron pola oficina de turismo do concello de Monforte, ubicaa no Centro do Viño, 674 persoas. Máis que en todo o mes de xuño.o pasado mes foron atendidas 664 persoas.

Segue vindo xente interesada en coñecer os Canons do Sil e facer viaxe en catamarán, visitar monumentos románicos e adegas. O Espazo Museístico do Centro do Viño foi visitado o pasado mes por 375 persoas.

DSC05729

Ven pedindo información xente sobre todo de Madrid e Cataluña, pero tamén de Asturias, León, Cantantabria, Andalucia, Levante e Canarias, entre outras comunidades. Seguimos recibindo numerosos turistas de países europeos, sobre todo de Francia, Inglaterra e Alemania. Tamén de Brasil, Arxentina e EEUU.

A estanza media da xente que nos visita é de tres días. Turismo sobre todo que pernocta nos paradores de Monforte e Santo Estevo, Balneario de Augas Santas e Casas de turismo rural.

A gran variedade de lugares a visitar e puntos de interese que hai na Ribeira Sacra facilita que vaia en aumento a media de estanza dos viaxeiros que escollen esta zona para descansar. Por elo é importante divulgalos recursos turísticos que ten a Ribeira Sacra tamén entre a xente destas terras que vai ter relación cos visitantes, como sector hosteleiro e comercio ainda que a charla do martes poden asistir todolos que esten interesados.

O “Entroido Ribeirao” en imaxes.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolle a mostra fotográfica “Entroido Ribeirao 2014” do xoven pintor, fotógrafo e artista chantadino Jairo Ramos Rey. A inauguración da exposición será na galería do Centro o xoves 3 de Xullo de 2014, as 20:00h. Poderá ser visitada ata o día 20.

A exposición consta de unha colección de imaxes que mostran, dende unha óptica persoal, un percorrido por este tradicional entroido moi vencellado á Ribeira Sacra. A súa historia e costumes, os traxes e os bailes, fan do Entroido Ribeirao unha das nosas tradicións mais chamativas e visuais. A fotografía é unha boa técnica para reflectir este tipo de celebracións.

Con esta mostra, dende o Centro do Viño, seguimos apostando pola divulgación da nosa cultura e do noso patrimonio. Deste xeito seguimos coa axenda de mostras, ofrecendo un espazo tanto para consolidados como para novos talentos, facilitando o achegamento das súas creacións ó público en xeral e tentando amosar dende un punto de vista diferente o que se agocha na Ribeira Sacra.