Basilio Cobo presenta novos libros no Centro do Viño da Ribeira Sacra.

A editorial A GRACIA VeniaiSedicións presentará este sábado, día 1 de novembro, as 7 da tarde no salón de actos do Centro do Viño, dúas novas obras de Básico Rodríguez. Trátase de “Quen non adora a Dora?”, unha novela familiar, e “Dick, todo sigue espeso…”,  neste caso de  ficción distópica, erudita e retranqueira.

ATT00013

De Básico Rodríguez, o lector galego coñece xa a chamada “Crónica da impunidade”, unha pentaloxia publicada ao longo dos pasados dez anos na que queda retratada, dende diferentes ángulos, a fonda enfermidade moral dunha sociedade roída polo medo e a derrota, o baleiramento ético dun mundo organizado segundo a lóxica perversa e inclemente dos gañadores.

Agora, pechada a pentaloxía (cuxos titulos lembramos: “A Transfusión”, “O culto oculto”, “Un sábado longo”, “Morte ao norte de Portugal” e “Baubo pubiclub”), o autor busca novos camiños. Non esquece nin abandoa o pulo moral e combativo que informa o conxunto da súa obra, pero si cambia de enfoque ou de atalaia. Así, en “Quen no adora a Dora?” a mirada recóllese e busca no pasado familiar os alicerces e as trabes, as liñas de forza, os relatos que acaban configurando un carácter ou un destino.

Estamos diante dunha novela empapada de vida, dunha novela, polo tanto, de amor e de morte. Estamos fronte a un percorrido paixonal e aventureiro, fronte á viaxe coma procura; procura dun mesmo e da paisaxe que o acolle. Estamos fronte ao decidido e, ao mesmo tempo, azaroso despregue dunhas cantas vidas sobre a superficie arrasada do século xx.

En “Dick, todo sigue espeso…”, título homenaxe a Philip K. Dick, mestre da ficción científica, Básico Rodríguez, dańdolle voz a un sabio chamado Theorico de Suevia e situado ano 2525, ofrécenos a visión desafiante (e hilarante) dunha Galicia depoboada, ou habitada por avatares, e convertida, por mor da repartición económica mundial, en narconación turístico enerxética, unha Galicia dividida entre a colonia estelar (Estrella de Galicia) e o vello territorio do noroeste ibérico, no que as cidades xa non se chaman como as coñecemos senón, por exemplo, Celta de Citroën, Polbo de Froilán ou Cidade dos modistos.

Debuxada cos trazos finos da lucidez proxectiva e da erudición histórica, esta novela breve, concentrada, artellada con elementos e materiais perfectamente recoñecibles e rezumante de ácido humor, supón un atevido achegamento do autor a un xénero que tanto pode servir para o escapismo delirante como para o compromiso e a denuncia. Non fai falla dicir que é polo segundo vieriro polo que transita, de xeito incontestable, Básico Rodríguez.

Anuncios

CURSO DE CATA NO CENTRO DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA .

O Centro do Viño da Ribeira Sacra segue fomentando a cultura do viño e prepara unha cata de iniciación para o xoves día 30 de Outubro. Será a partir das 19:00 horas no propio Centro e está aberto o prazo de inscripción para todos aqueles que desexen provar novas sensacións.

Unha cata básica para iniciarse no mundo do viño e coñecer as principais características dos viños da Ribeira Sacra. Como saber identificar a idade do viño, a graduación, olores e sabores, en función de se é branco ou tinto, novo ou de barrica. O obxetivo desta clase teórico práctica de hora e media de duración, é achegar aos participantes coñecementos abondo para apreciar mellor os nosos viños e aprender a gozalos.

Nocións básicas de iniciación á cata nunha sesión impartida pola investigadora monfortina Iria Rodríguez Vega, integrante da Misión Biolóxica de Galicia e gran coñecedora dos viños da D.O. Ribeira Sacra. Sobre como afecta o cambio climático o viñedo de esta Denomiación versa a súa tese doutoral.

O prazo de inscripción para esta cata remata o mércores día 29 ás 14:00 horas e o prezo é de 15 euros. Os interesados en participar deben inscríbase canto antes xa que as prazas son limitadas.

cata ima.

O mes de Setembro foi mellor que o pasado ano. Ademais de españois pasaron pola oficina de turismo xente de 17 nacionalidades distintas.

A oficina de turismo do Concello de Monforte, ubicada no Centro do Viño, atendeu o pasado mes de Setembro 1.318 persoas. 268 máis que no mesmo mes do pasado ano.

No mes de Setembro, a diferenza do mes de Agosto, viñeron menos familias e pola contra aumentou o número de parellas de mediana idade que estiveron de media pola zona entre seis días e unha semana. Xente que se aloxou sobre todo nos Paradores de turismo, no de Monforte e Santo Estevo, no Hotel Balneario de Augas Santas, e en menor medida, nas casas de turismo rural da zona.

As persoas que se achegaron a pedir información traían a viaxe máis planificada e polo tanto máis coñecemento previo do que se podían atopar pero horarios das viaxes nos catamaráns, visitas os monumentos románicos e ás adegas, seguen sendo os principais motivos da consulta. Píden tamén información sobre o resto dos recursos turísticos que hai tanto en Monforte como no resto da Ribeira Sacra.

DSC06356

As cidades que máis turistas aportaron á Ribeira Sacra no mes de Setembro foron, por esta orde, Coruña, Madrid, Barcelona e Pontevedra. Séguelle Asturias, Cantabria, Andalucia, Castela a Mancha, Castela León, Extremadura, Aragón, País Vasco, Comunicade Valenciana, Baleares e Canarias. Pero ademais de españois, polo Centro do Viño pasou xente de 17 nacionalidades distitintas: de Francia, Inglaterra, Portugal, Alemania, Holanda, Bélxica, Italia, EUU, Canadá, Brasil, Arxentina, Australia, Polonia, Letonia, Rumanía, Suecia e Finlandia.

Como curiosidade, da capitalidade provincial, de Lugo, pasaron pola oficina de turismo a pedir información 70 persoas e 68 monfortinos fixeron o propio para familia ou amigos que agardaban recibir o longo do mes nas súas casas.

Atendéronse tamén a 70 peregrinos que facían o Camiño de Inverno e que se achegaron a oficina de turismo a selar a credencial. A maioria españois, pero tamén franceses e ingleses. Algúns deles aproveitaron para visitar a exposición que ten montada no Centro a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago pola Ribeira Sacra que celebra os 15 anos de historia.

10354243_772546732810368_2467614902064313402_n

Ademais da oficina de turismo, o Centro do Viño conta tamén co Espazo Museístico que en Setembro foi visitado por 440 persoas entre elas preto dun cento de estudantes que participaron dos obradoiros que o Centro oferta o longo do curso os colexios da zona.

DSC06246

OBRADOIROS ESCOLARES NO CENTRO DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra promove visitas escolares ao Espazo Museístico do Centro. Neste curso que vén de empezar, xa nos visitaron 80 alumnos do Colexio dos Escolapios con idades comprendidas entre os 7 e os 11 anos.

O que se oferta  para os estudantes son visitas ao museo que rematan coa realización de talleres adaptados as idades dos cativos. O obxetivo é promover un mellor coñecemento do entorno que divulga o propio Centro do Viño.

A duración dos talleres, dirixidos por persoal do Centro, adáptanse as peticións de cada colexio pero a actividade ten unha duración máxima de duas horas.

DSC06245

Os obradoiros plantéxanse con unidades didácticas, elaboradas no propio Centro do Viño, sobre os diversos aspectos que conflúen na Ribeira Sacra a nivel xeográfico, paisaxístico, monumental e natural. Todo elo para contribuir a posta en valor do entorno e fomentar un mellor coñecemento do mesmo entre os rapaces.

Esta actividade mantense durante todo o curso escolar e para todos os colexios que estean interesados. Só teñen que poñerse en contacto co centro para fixalas datas da visita.

O pasado ano participaron da iniciativa 300 nenos repartidos en 10 grupos. Sete de colexios de Monforte e tres de fora da comarca.